Saturday 27 de April de 2024

Estabilízase a situación epidemiolóxica no Concello de Camariñas  


A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, participou hoxe nunha videoconferencia convocada polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, para informar da situación epidemiolóxica aos alcaldes de Bergantiños e Soneira.
No encontro, Comesaña comunicou que o Concello de Camariñas comezaba a estabilizarse e Sandra Insua agradeceu o rastreo que se fixo na Industria Cerdeimar xa que “supuxo un respiro que non xurdiran demasiados casos nese cribado”. Manifestou tamén a súa relativa tranquilidade “ao ser dos municipios menos afectados á vista dos datos, baixando de 32 a 28 positivos e sabemos que hai contaxiados que pronto se darán de alta”. De tódolos xeitos solicita á veciñanza “que sexan cautos, que cumpran as normas actuais e tamén as posibles novas medidas que esixa a Xunta despois deste comité clínico”.
 Actualmente hai 28 casos activos por COVID-19, baixando así dos 32 constatados nos últimos días.
 Nos últimos 7 días sumáronse 13 casos.
 Camariñas é, xunto con Laxe e Zas, o municipio menos afectado destas comarcas.
 O comité clínico reunirase para tomar unha serie de decisións para estes concellos, xa que continúan a medrar os casos.
Solicitouse que:
 As medidas que se tomen sexan xerais e non locais xa que ao ser municipios limítrofes a veciñanza móvese moito entre concellos.
 Se faciliten os datos aos concellos para que tanto a Policía Local como os Servizos Sociais poidan actuar concretamente e axudar así a controlar o virus. O xerente do Sergas, Luis Verde, contestou que se intentarán facilitar estes datos.